Curso sobre didáctica en Módena

 Tina González, xefa do departamento de italiano, realizou un curso de actualización didáctica combinado con observación de aulas de 2 semanas na academia Romanica, unha escola de lingua e cultura italiana para estranxeiros situada en Módena, na rexión da Emilia-Romagna. Alén de clases para alumnado de italiano, impártese formación para a acreditación DITALS para o ensino do italiano a estranxeires e mais é centro administrador da certificación lingüística CILS.




 

Tina comparte a súa experiencia a través desta entrevista:

No caso dos eventos formativos, cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?
As sesións dedicadas á familiarización co sistema de certificación CILS: estrutura, contidos por nivel, descritores de baremación, estandarización de mostras orais e protocolos de administración. Unha parte fundamental do labor da escola oficial de idiomas, alén do ensino-aprendizaxe de linguas, consiste na certificación lingüística. É un tema que sempre me gustou e para min sempre resulta útil e interesante poder coñecer mellor certificacións lingüísticas alternativas.
Que podes dicir do centro que visitaches?
A academia Romanica está situada no centro histórico de Modena. A escola é fermosa e coida do aspecto estético na decoración das instalacións. As clases están estruturadas en gramática, vocabulario e conversa. Só se ofrecen os niveis A1, A2, B1 e B2. Chamoume a atención que 1 mesme alumne poida estar nunha clase de nivel B1 de gramática pero nunha clase de vocabulario e conversa de nivel A2. Isto é positivo porque 1 alumne pode ter, por facer unha equivalencia co noso sistema, unha competencia de comprensión de lectura do nivel B2 pero que a súa produción oral e escrita se sitúe nun B1, a modo de exemplo. En conclusión, é positiva a flexibilidade nas agrupacións por clases en función das características lingüísticas do alumnado. Ademais, a escola ofrece unha variada programación de actividades culturais para brindar oportunidades de socialización ao alumnado. Por exemplo, a visita a unha produción de vinagre balsámico, cineclub, seminarios de lingua e cultura, paseos guiados etc. Todo dende un enfoque didáctico.
Cales son os aspectos máis positivos da experiencia? 
Comprobar como alumnado de diferentes países e profesorado italiano presentaban ás veces dificultades para entender o acento do alumnado español, motivoume a insistir moito máis no ensino da pronuncia dende os niveis iniciais e ser máis esixente con este aspecto co meu alumnado en xeral. Porén, o aspecto máis relevante é a necesidade da introdución sistemática da cultura italiana na clase, non só a partir de comentarios máis ou menos casuais a partir de mencións en textos orais e escritos, senón incluíla en todos os aspectos posíbeis da didáctica. Por exemplo, nas técnicas de feedback, na xestión de grupos e mais no cold calling.
Que cres que podería mellorar? 
Malia que traballamos con mostras orais de candidates da certificación lingüística dos niveis C1 e C2, teríame gustado observar clases presenciais deste nivel mais non se ofertan. Tería sido positivo que houbese máis profesorado estranxeiro de italiano que asistise ao curso de formación.
En xeral, que balance fas desta mobilidade? 
Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto
Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Trátase dunha experiencia enriquecedora tanto humana como profesionalmente. Animo o profesorado a participar e a compartir a súa experiencia de aprendizaxe a través das redes sociais, as postas en común do equipo de proxectos europeos e impartición de formación para profesorado doutros centros.

 



Comentarios

Publicacións populares