Curso sobre ferramentas dixitais en Lisboa
Laura Iglesias, profesora de inglés na sección de Sar, ven de realizar en Lisboa o curso "Digital Tools for Collaboration, Communication, Creativity and Critical Thinking" (Ferramentas dixitais para a colaboración, a comunicación, a creatividade e o pensamento crítico). Como o seu título indica, Laura foi quen de aprender a manexar ferramentas dixitais útiles para o deseño e a realización de actividades de aula que axudan a promover a colaboración, a comunicación, a creatividade, e o pensamento crítico (as "4 Cs").
En que consistiu a túa mobilidade?
Realicei o curso de formación do profesorado "Digital Tools for Collaboration, Communication, Creativity and Critical Thinking" (Ferramentas dixitais para a colaboración, a comunicación, a creatividade e o pensamento crítico). Neste curso adquirín coñecementos sobre ferramentas dixitais útiles para o deseño e a realización de actividades de aula que axudan a promover a colaboración, a comunicación, a creatividade, e o pensamento crítico (as "4 Cs").
Cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?
Os contidos que me resultaron máis útiles do curso foron os relativos ás ferramentas dixitais que non coñecía como Goosechase, Slido e Mindmeister, que poden resultar interesantes e motivadoras para as miñas aulas e fomentan a colaboración e o pensamento crítico. Tamén traballamos con ferramentas que xa coñecía, como Mentimeter, que ademais de para a gamificación, resulta útil para a avaliación formativa. Finalmente, resaltaría os contidos sobre ferramentas dixitais para procurar materiais, imaxes e sons xerados por IA, que se poden empregar no deseño de actividades de aula, como por exemplo Canva, que ofrece moitas posibilidades, especialmente para a creación de contidos dixitais interactivos para o alumnado.
Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Un aspecto moi positivo da experiencia foi poder participar en discusións e debates estimulantes con profesorado de diferentes países de Europa (Italia, Hungría, Alemania, Romanía, España e Croacia) sobre como incorporar as 4Cs de forma significativa. Tamén traballamos en grupo e compartimos ideas sobre como abordar os problemas máis urxentes nas nosas escolas e deseñamos un mapa mental de xeito colaborativo.
Ademais, resaltaría o feito de poder ter a experiencia de realizar como alumna as diferentes actividades propostas coas ferramentas dixitais, traballando de xeito colaborativo con docentes de distintas etapas educativas e especialidades.
Por último, pero non menos importante, reflexionei sobre a miña propia práctica docente e sobre promover o pensamento crítico, a colaboración, a creatividade e a comunicación nas miñas clases.
Que cres que podería mellorar?
No curso había algunha persoa participante con escasas habilidades lingüísticas na lingua na que se impartía o curso (o inglés), o que dificultaba un chisco a realización dalgunhas actividades en grupo, sen chegar a ser un problema.
En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio
Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto
Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Que paga a pena, que a experiencia é moi positiva!
Comentarios
Publicar un comentario