Curso sobre IA en Malta

 Carla Dechant, coordinadora TIC e profesora do departamento de inglés, ven de participar nun curso sobre as vantaxes e os retos do emprego da IA no ensino e aprendizaxe de linguas en Malta.


 En que consistiu a túa mobilidade?
En adquirir coñecemento e estratexias prácticas para utilizar ferramentas de intelixencia artificial na aula co fin de optimizar tanto a docencia como a aprendizaxe.

No caso dos eventos formativos, cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?
Destacaría a breve historia da IA, sobre todo a importancia do primeiro chatbot ELIZA no ano 1966 e do primeiro robot móbil SHAKEY (1969), porque a maioría da xente descoñece o seu impacto no desenvolvemento da IA hoxe en día. O contido que máis resaltaría sería a sesión onde discutimos a ética da IA. Foi unha discusión tremendamente estimulante sobre o presente e o futuro da IA na educación.
O debate centrouse en tres vídeos principais: como China está empregando a IA nas súas aulas desde hai cinco anos, un exemplo de aulas sen profesores no Reino Unido e as taxas de éxito na aprendizaxe (doblemente efectivas) utilizando titores de IA, e un vídeo satírico dun cómico americano sobre o perigo da IA. A pregunta que se formulou non foi "como usar a IA?", senón "deberiamos usar a IA?".Estivemos obrigados a cuestionar aspectos dos sistemas educativos externos que nunca cuestionamos sobre o noso e a eliminar ideoloxía e política da discusión. Tamén falamos de que, antes de abordar a IA nas escolas, necesitamos entender que está directamente relacionada coa IA na vida cotiá. Hai unha pregunta maior detrás disto. Unha das conclusións foi que na educación pensamos a 5-10 anos vista, mentres que en 10 anos a tecnoloxía pode cambiar radicalmente. Por iso, a educación sempre estará un paso atrás da IA. Ao final, a reflexión foi clara: "Ninguén no mundo pode permitirse non ter unha opinión sobre a IA". Tamén debatemos sobre o aspecto da "felicidade" ou "diversión" nas aulas. Queremos estudantes felices e motivados, pero medimos a competencia porque a sociedade valora a competencia por enriba da felicidade. Finalmente, consideramos un futuro onde os docentes se converterán en coaches de aprendizaxe, centrados nas habilidades brandas (soft skills), mentres que os titores e plataformas de IA se farán cargo das habilidades duras. Estamos preparados para iso?

Que podes dicir do centro que visitaches?
A organización e a atención aos participantes foron estupendas.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
No que toca ao contido, sen dúbida a sesión sobre ética mencionada anteriormente foi realmente necesaria e unha discusión que me gustaría trasladar á EOI. Por outra banda, destacaría coñecer docentes de oito países e as súas prácticas relacionadas coa IA. Foi moi positivo coñecer o papel da tecnoloxía e da IA no sistema educativo de Estonia, un enfoque que paga a pena estudar e emular.

Que cres que podería mellorar?
As sesións prácticas, onde exploramos ferramentas concretas, poderían estar mellor organizadas e dirixidas. Perdemos moito tempo en traballo individual, pero non falamos o suficiente sobre as aplicacións prácticas desas ferramentas. Ao introducir as ferramentas, non houbo unha dirección clara sobre como traballar con elas, nin un seguimento das nosas opinións e aplicacións. Sería beneficioso contar cunha guía máis estruturada e cun espazo para compartir experiencias e reflexións sobre como implementar estas ferramentas na práctica educativa.

En xeral, que balance fas desta mobilidade? Satisfactorio

Recomendarías esta experiencia a outros profesores/as? Por suposto





Comentarios

Publicacións populares