Curso sobre inclusión en Dublín

 Alba Prieto, profesora de inglés na sección de Ordes, ven de realizar un curso sobre inclusión educativa e Deseño Universal para a Aprendizaxe en Dublín, no que afondou no uso de ferramentas dixitais para axudar á súa implementación na aula. O obxectivo era coñecer estratexias que favorezan unha aprendizaxe máis inclusiva e accesible, intentando asegurar que todo o alumnado teña acceso á aprendizaxe a través de múltiples formas de implicación, representación e expresión.

Cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?
Quizais un dos aspectos máis valiosos da formación foi a oportunidade de explorar ferramentas tecnolóxicas que se poden aplicar directamente na aula e traballar con exemplos reais da súa implementación. Os casos prácticos levados a cabo, nun grupo heteroxéneo con estilos de aprendizaxe moi diversos, enriqueceron a experiencia achegando múltiples puntos de vista.


Que podes dicir do centro que visitaches?

O centro no que se impartían as clases destacaba polo seu  compromiso coa educación inclusiva e sustentable. Apostaban polo Deseño Universal de Aprendizaxe a través dun uso flexible do espazo, con mobiliario versátil que permitía adaptar a aula a diferentes dinámicas de traballo. Tamén mostraban unha gran preocupación polo medio ambiente, implementando prácticas sostibles na xestión de residuos e no emprego de materiais reciclables. Outro aspecto positivo foi a súa aposta pola convivencia e a integración de todos os participantes, creando un ambiente acolledor e colaborativo no que compartir experiencias con docentes doutras nacionalidades.


Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Os aspectos máis positivos da experiencia son o acceso a aplicacións e recursos dixitais que se poden comezar a implementar de inmediato; o intercambio de experiencias con outros docentes, recoñecendo que afrontamos os mesmos retos a pesar das nosas diferenzas; e os casos prácticos extrapolables tanto á ensinanza de idiomas como a entornos AICLE.



Que cres que podería mellorar?
Aínda que a experiencia foi moi satisfactoria, quizais sería interesante dedicar máis tempo a aplicar as ferramentas en situacións reais na aula ou a afondar máis en como manexar os diferentes tempos e ritmos de aprendizaxe dentro das aulas.


En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio

Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto.

Comentarios

Publicacións populares