Comeza a mobilidade co alumnado en Dundalk, Irlanda
O grupo de alumnado participante na mobilidade Erasmus+ xa chegou a Dundalk (Irlanda), onde vai pasar oito días de inmersión lingüística e cultural en The Language Place.
Viaxan dez alumnos e alumnas acompañados por dúas profesoras do centro, Laura Iglesias, coordinadora de programas europeos, e Marta Portela. Chegaron o domingo e xa están a vivir esta experiencia que combina aprendizaxe, convivencia e descubrimento. Durante esta semana, o programa está pensado para que o alumnado practique o inglés en situacións reais ao tempo que se mergulla na cultura irlandesa. A estancia comeza co primeiro contacto coas familias de acollida, clave para romper o xeo e empezar a comunicarse desde o primeiro momento.
Ao longo dos días, están a coñecer aspectos moi diversos da historia e identidade de Irlanda: desde o papel dos deportes tradicionais ata episodios clave como a emigración ou os conflitos en Irlanda do Norte. Tamén participan en obradoiros e actividades que lles permiten reflexionar sobre a evolución social e económica do país. Non falta tampouco a parte máis experiencial: visitas a lugares históricos e emblemáticos, paseos por espazos naturais, exploracións en grupo pola contorna local e mesmo actividades máis lúdicas como unha sesión de cine ou unha xincana pola cidade. Ademáis, haberá ocasión para achegarse á gastronomía irlandesa cun obradoiro de cociña tradicional, así como para descubrir cidades como Belfast e Dublín, fundamentais para entender a historia e a cultura do país. En definitiva, unha semana intensa na que o alumnado non só mellorará o seu nivel de inglés, senón que tamén ampliará a súa mirada ao mundo, desenvolvendo competencias interculturais e vivindo unha experiencia que, sen dúbida, será inesquecible.
Seguiremos contando máis sobre esta aventura Erasmus+ moi pronto!
.jpeg)
.jpeg)


Comentarios
Publicar un comentario