Estadía de observación en Cork

 Marta Portela, xefa de estudos da sección de Negreira, viaxou a Cork, Irlanda, para participar nunha estadía de observación en centros educativos dependentes do Cork ETB, centrados na ensinanza de adultos, de diferentes niveis e materias. Tivo a oportunidade de falar con profesorado e persoal administrativo de distintos centros, ademais de asistir a seminarios sobre diversos aspectos da educación de adultos en Irlanda.


 

Que podes dicir do centro que visitaches?
Ao ter visitado varios centros con distintas ensinanzas dentro da rama da educación de adultos puiden falar con especialistas en distintos campos, como a inclusión activa do alumnado, internacionalización, a avaliación, o ensino de inglés como lingua estranxeira e a orientación para alumnado adulto. Creo que nos colleges da Cork ETB teñen moi desenvolvidas as áreas da participación do alumnado no funcionamento do centro e teñen realizado moitos proxectos interesantes encadrados no Erasmus+.
Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Ademais do aprendido sobre o sistema educativo irlandés e as peculiaridades da ensinanza de adultos, destacaría a oportunidade de compartir experiencias e boas prácticas con profesorado de distintos países, xa que na mesma estadía tamén participou persoal de centros de ensinanza de adultos de Islandia e Eslovenia.
Que cres que podería mellorar?
O proceso de atopar centros nos que levar a cabo unha estadía de observación pode ser un pouco desalentador, xa que é difícil atopar centros educativos semellantes á EOI, ou no caso de atopalos, que estean dispostos a acoller profesorado en estadías de observación. Sería bo establecer unhas directrices ou unha base de datos para facilitar o proceso en próximas mobilidades.
En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio
Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto
Que lles dirías a outros profesores que están pensando solicitar unha mobilidade?
Animádevos a participar! É unha oportunidade ideal para coñecer outros profesionais do mundo da educación e compartir experiencias e aprender do que se está a facer noutros países.

Comentarios

Publicacións populares