Entrevista a Mariano Felice sobre o uso da IA na práctica e avaliación de idiomas
O martes e o mércores desta semana recibimos a visita de Mariano Felice, investigador principal do British Council no uso da IA para a práctica e a avaliación de idiomas, e profesor visitante na Universidade de Cambridge e na Universidade de Reading, unha visita enmarcada no noso proxecto Erasmus para o curso 2024/2025.
O profesorado participante no seminario sobre IA e ensino e aprendizaxe de idiomas elaborou unha batería de preguntas que lle foron formuladas a Mariano Felice, e cuxas respostas recollemos a continuación.
Moitas grazas, Mariano, pola súa xenerosidade e amabilidade ao contestalas!
PERSOALIZACIÓN DA APRENDIZAXE
Como poden os docentes integrar ferramentas de IA para personalizar a aprendizaxe e fomentar a autonomía do alumnado no seu proceso de adquisición da lingua?
Os docentes poden empregar ferramentas de IA para analizar a produción oral e escrita do alumnado, identificar áreas problemáticas, xerar exercicios personalizados e ofrecer explicacións adaptadas ao nivel de competencia lingüística necesario. As ferramentas de IA xerativa son moi versátiles e poden utilizarse para moitas tarefas, como o apoio á escritura, a práctica de conversación, a explicación e a avaliación. Todo isto, personalizado ás necesidades de cada alumno ou alumna. Os docentes poden demostrar o uso da IA para estas tarefas e suxerila como complemento ás clases, aproveitando a súa dispoñibilidade continua, rapidez e alta calidade nos resultados.
ALUMNADO
Que competencias debería desenvolver o alumnado que queira integrar a IA de forma eficaz na súa práctica de aprendizaxe?
En principio, é necesario desenvolver competencias dixitais básicas, como o uso do ordenador e o manexo de datos, e continuar cunha alfabetización básica en IA, para comprender o seu funcionamento e limitacións. Unha das competencias fundamentais é a análise crítica das ferramentas, para poder avalialas e identificar que tan fiables e beneficiosas son. Isto implica analizar riscos e cuestións éticas, como a privacidade e a transparencia, para entender as implicacións do seu uso.
Como pode facer o alumnado para que a IA contribúa ao seu aprendizaxe a longo prazo, e non só á simple resolución de tarefas (por exemplo, na redacción de textos)?
A clave está en empregar a IA como unha ferramenta de apoio ao aprendizaxe e non como un atallo. Por exemplo, podemos pedirlle á IA que avalíe a nosa produción escrita e nos dea suxestións para mellorar a redacción, que nos ensine vocabulario novo ou que nos dea o andamiaxe necesario cando non sabemos por onde empezar. O segredo está en pedir axuda, non que complete as tarefas por nós. Ademais da IA xerativa, podemos empregar aplicacións de aprendizaxe que son moi útiles para facer un seguimento do noso progreso co paso do tempo e identificar áreas que requiren práctica adicional.
Que avances existen no uso da IA para avaliar e mellorar a produción oral do alumnado, especialmente en aspectos como a pronunciación, a fluidez e a interacción?
O recoñecemento automático da voz e a síntese de fala melloraron moito nos últimos anos, e xa existen moitas ferramentas que os usan para avaliar a pronunciación e a fluidez. A través da IA, podemos xerar exemplos de pronunciación que nos permitan avaliar a nosa propia. O uso de chatbots tamén é beneficioso para mellorar a produción oral. Está demostrado que practicar cunha máquina aumenta a seguridade no alumnado xa que non se sente xulgado.
Como poden as ferramentas de IA axudar ao alumnado a mellorar a súa competencia en produción escrita sen fomentar a dependencia excesiva ou o plaxio, e como poden os docentes abordar o risco de que o alumnado utilice a IA para xerar as súas producións sen informalo?
A IA pode avaliar o texto producido, ofrecer suxestións de escritura e detectar erros gramaticais, entre moitas outras cousas. A clave está en utilizar a IA como unha ferramenta para mellorar a nosa propia escritura en lugar de delegala. En contextos académicos, é necesario facer fincapé na importancia da orixinalidade e no respecto polos códigos de conduta, xa que calquera infracción pode ter consecuencias graves. Eu considero fundamental debater as cuestións éticas derivadas do uso da IA. No que respecta ao uso non declarado da IA, existen servizos que poden detectar se un texto foi xerado por unha persoa ou non. Porén, estes servizos non son 100% fiables e adoitan dar falsos positivos, sobre todo para quen utiliza unha lingua como segunda lingua. Por iso, non é recomendable empregar estes servizos de detección para tomar decisións. En cambio, unha forma eficaz de determinar a autoría real é mediante tarefas como a defensa oral ou outras actividades que exploren o proceso de escritura.
AVALIACIÓN FORMATIVA
De que maneira pode a IA mellorar a retroalimentación na avaliación formativa das producións escritas e orais do alumnado?
A IA pode ofrecer retroalimentación inmediata e personalizada baseada na análise automatizada de distintos aspectos da produción oral e escrita, como a gramática, o vocabulario, a organización, a pronunciación, etc. Os resultados desta análise permítenlle á IA identificar áreas da aprendizaxe que requiren máis atención e proporcionar suxestións.
No caso de empregar IA, é necesario que o docente informe explicitamente ao alumnado/profesorado implicado?
Si, do mesmo xeito que os docentes esperan que o alumnado declare o uso da IA nos seus traballos. Isto é un compromiso coa transparencia e unha das bases do uso ético e responsable da IA. Ademais, fomenta o pensamento crítico no alumnado, que poderá identificar e alertar sobre posibles erros.
AVALIACIÓN CERTIFICATIVA
Cres que a IA pode ter un papel na avaliación certificativa de idiomas? Cales serían os seus beneficios e desafíos en termos de fiabilidade e equidade?
Isto xa está a ocorrer e sen dúbida seguirá crecendo. Varias probas estandarizadas utilizan recoñecemento de voz e algoritmos de avaliación automática, ademais doutros mecanismos. Entre os beneficios podemos mencionar a posibilidade de realizar probas en simultáneo e en zonas remotas, reducir custos e xerar resultados rápidos e consistentes. En termos de fiabilidade e equidade, é importante destacar que un dos beneficios das máquinas é o seu potencial para reducir os sesgos humanos, para o cal é fundamental adestrar os modelos con grandes e variados volumes de datos representativos da poboación de usuarios finais.
FORMACIÓN DOCENTE
Que competencias deberían desenvolver os docentes de idiomas para integrar eficazmente a IA na súa práctica pedagóxica e que recursos recomendarías para a súa formación neste ámbito?
Do mesmo xeito que o alumnado, é fundamental que os docentes desenvolvan competencias dixitais básicas e alfabetización en IA para coñecer o seu funcionamento e identificar beneficios e limitacións. O coñecemento de cuestións éticas como a privacidade, a transparencia e a equidade tamén é de gran importancia e, xunto cos métodos de avaliación das ferramentas, son aspectos cruciais para a toma de decisións.
Algo que sempre se debe ter en conta é que as ferramentas que usemos deben ser funcionais aos obxectivos de aprendizaxe que trazamos e non ao revés. O uso de ferramentas debe estar motivado por como creemos que axudarán a mellorar as habilidades e non por unha moda. Un bo punto de partida para aprender máis sobre estas cuestións é o marco de competencias de IA para docentes da UNESCO.
ÉTICA, SOSTIBILIDADE E SESGOS
Como se poden abordar os problemas éticos e de sostibilidade nos sistemas de IA utilizados no ensino e avaliación de idiomas?
Unha forma eficaz de abordar estas cuestións é mediante a adopción de metodoloxías ou marcos de traballo que nos axuden a identificar estas problemáticas e tomar medidas para solucionalas. Un enfoque moi útil e difundido que adoptamos no British Council é o da “Ética desde o Deseño”, baseado en seis principios: o respecto pola autonomía do ser humano, a privacidade e xestión de datos, a imparcialidade, o benestar individual, social e ambiental, a transparencia, e a responsabilidade e supervisión. A aplicación destes principios desde a concepción dun sistema permítenos identificar riscos potenciais e mitigalos antes de que sexa demasiado tarde.
TENDENCIAS FUTURAS
Cales son as tendencias máis prometedoras no uso da IA para o ensino e aprendizaxe de idiomas nun futuro próximo?
Creo que veremos sistemas de avaliación con maior precisión, plataformas con tarefas multimodais, máis adaptativas e con maior personalización. Isto dará moita máis autonomía ao alumnado. Tamén vexo unha tendencia cara a tarefas máis realistas, por exemplo, mediante a integración de distintos elementos multimedia que simulen un entorno determinado ou a incorporación de voces artificiais con acentos variados. As posibilidades son infinitas.


Comentarios
Publicar un comentario