Un curso de actualización lingüística e metodolóxica en Trieste

 Tina González, xefa do departamento de italiano, ven de participar nun curso de actualización lingüística e metodolóxica para profesorado de italiano en Trieste, Italia. Non deixes de ler esta entrevista sobre a súa experiencia.


 
 

Cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?
Destacaría o seminario sobre a influencia das redes sociais na linguaxe da mocidade. Tedes que ter en conta que o meu primeiro contacto coa aprendizaxe da lingua italiana foi no 1999. É dicir, hai máis dun cuarto de século. Polo tanto, na miña traxectoria como aprendiz e docente teño observado unha evolución significativa da lingua italiana. Foi enriquecedor como filóloga e ensinante estudar e explorar as posibilidades didácticas deste aspecto da lingua. 

Que podes dicir do centro que visitaches?
O extremo coidado e atención á estética e a crear un ambiente positivo e acolledor. En italiano dise "Anche l'occhio vuole la sua parte", é dicir, parafrasando un pouco libremente, as cousas entran tamén polo ollo. A beleza e cultura que o alumnado de italiano relaciona con Italia estaba presente fisicamente no centro a través do mobiliario estilo café veneciano, os grandes cadros de escenas cinematográficas e panorámicas de cidades italianas así como os cadriños con frases motivadoras que ao lelas che regalaban un sorriso. A emoción é un aspecto estreitamente vinculado á aprendizaxe, e eu diría que especialmente relevante no caso da motivación do alumnado que decide aprender italiano.

Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Hai un ensaio de Tullio De Mauro, o meu lexicógrafo favorito, que se titula "L'Italia delle Italie", é dicir, a Italia das Italias. A riqueza multicultural e lingüística presente no territorio italiano ponse de relevo especialmente na cidade de Trieste. Foi un dos factores polos que escollín un centro de formación situado nesta cidade pois o respecto e a presenza de múltiples culturas permea o enfoque metodolóxico da institución escollida. Na miña mochila de aprendizaxe trouxen comigo moitas ideas para implementar no seguinte curso académico. Ademais, tanto o profesorado como o persoal administrativo do centro é moi accesible e preparado. Grazas en especial a Claudia e Valeska :-) 

Que cres que podería mellorar? Isto non depende do centro en si pero gustaríame ter coincidido con profesorado de italiano doutros países porque isto dá unha perspectiva máis europea e internacional á experiencia, alén de que permite conseguir contactos e ampliar as redes. Para min unha clave da nosa profesión é a colaboración e o traballo en compañía.

En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio

Recomendarías esta experiencia a outros profesores? Por suposto. Os cursos que se poden realizar a través da EOI Santiago co programa Erasmus+ son unha experiencia clave na formación permanente do profesorado.

Comentarios

Publicacións populares