Catro profesores participantes no noso proxecto Erasmus+ compartiron co resto de profesorado o máis salientable da súa experiencia de mobilidade, todas elas sobre contidos relacionados cos obxectivos da nosa acreditación Erasmus: a mellora da competencia dixital, a nternacionalizacion, a inclusión e a innovación metodolóxica.
Laurence Guillas, do departamento de francés, formouse en Praga sobre intelixencia artificial.
Ademais de compartir con nós unha ampla biblioteca de ferramentas didácticas de Intelixencia Artificial, Laurence fixo fincapé na importancia da creatividade e a na necesidade de unir o mundo analóxico e o mundo virtual.
O intercambio profesional e cultural coas outras persoas participantes tamén enriqueceron a súa experiencia Erasmus+.
Gonzalo Constenla, Director da EOI, participou nun curso sobre estrés e benestar do profesorado en Trapani.
Gonzalo falounos do benestar como
ferramenta didáctica, e da súa importancia para crear un mellor clima na aula e
mellorar a aprendizaxe do alumnado. A roda de Plutchik, a alfabetización
emocional, e as diferencias entre estrés, eustrés e burnout foron outros dos
contidos da súa exposición.
Matilde Cobas, xefa de estudos na sección de Ordes, fixo un curso sobre aprendizaxe centrada no alumnado en Niza
Matilde afondou no papel do profesorado como facilitador da aprendizaxe e na importancia da motivación para que a aprendizaxe sexa duradeira. Ademais, compartiu recursos didácticos como gamma, artsteps, diffit, sunno, Froggyjump, blooket ou chatterpix, de moita utilidade para a aula.
Cristina González, xefa do departamento de italiano, contounos como foi a súa observación do proceso de fixación de estándares nas probas de nivel B1 e B2 de italiano do exame Matura austríaco, o equivalente ás nosas probas de acceso á Universidade.
Durante unha semana moi proveitosa no Ministerio Federal de Educación de Austria, Cristina traballou con persoas expertas na elaboración de probas de certificación e profesorado especializado no ensino da lingua italiana, unha experiencia que de seguro beneficiará a avaliación certificativa das EOI galegas.


Comentarios
Publicar un comentario