Café Mundial sobre inclusión con Clarisse Nunes
Esta tarde tivemos a oportunidade de participar nun enriquecedor “Café Mundial” centrado na inclusión educativa e no enfoque DUA (Deseño Universal para a Aprendizaxe), un evento enmarcado na visita dunha persoa experta no tema, Clarisse Nunes, profesora da Escola Superior de Educación do Instituto Politécnico de Lisboa.
Durante o encontro, o profesorado do centro reuniuse en pequenos grupos para compartir impresións, experiencias e opinións arredor de preguntas clave sobre como aplicar o enfoque DUA nas aulas. O obxectivo común foi identificar estratexias que permitan eliminar as barreiras de aprendizaxe e garantir unha educación máis accesible e equitativa para todo o alumnado.
Entre os temas tratados, destacaron propostas para ofrecer múltiples formas de representación dos contidos, opcións para a acción e expresión do alumnado, así como estratexias para fomentar a motivación. Tamén se abordaron novas formas de avaliación máis inclusivas e adaptadas ás diferentes necesidades. Un dos aspectos máis inspiradores foi a reflexión sobre o uso de ferramentas dixitais, especialmente a intelixencia artificial, como aliadas para facer o proceso de ensino-aprendizaxe máis accesible, flexible e personalizado.
O ambiente foi en todo momento cómodo, seguro e distendido, favorecendo que o profesorado aprendese uns dos outros a través de conversas significativas e preguntas que realmente importan.
Muito obrigado, Clarisse!








Comentarios
Publicar un comentario