Charla sobre educación democrática e inclusión
Onte tivemos a oportunidade de asistir a unha charla a cargo de Clarice Núñez, profesora da Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Lisboa, titulada “Educación democrática e inclusión: desafíos, camiños para prácticas máis equitativas na ensinanza superior”.
A sesión resultou especialmente inspiradora e achegou información de grande utilidade para o profesorado. Ao longo da súa intervención, a relatora deu resposta de maneira clara, sucinta e ao mesmo tempo exhaustiva a tres cuestións fundamentais: que relación existe entre democracia e inclusión, que desafíos se presentan na inclusión na ensinanza superior e que prácticas inclusivas se amosan como máis efectivas.
Entre as ideas clave, destacouse a necesidade de entender a inclusión como un elemento esencial dunha educación verdadeiramente democrática, así como os múltiples retos que aínda persisten no ámbito universitario, desde barreiras estruturais ata cuestións metodolóxicas e actitudinais.
No relativo ás prácticas inclusivas, chamaron especialmente a nosa atención propostas como a aplicación do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), a importancia da claridade e a previsibilidade (anticipación) nos procesos de ensino, a flexibilización das actividades e da avaliación, o uso de tecnoloxías de apoio e a consideración de principios éticos orientadores que garantan a equidade e o respecto pola diversidade. Ademais, a relatora compartiu exemplos concretos de prácticas inclusivas dirixidas a alumnado neurodiverxente, ofrecendo estratexias útiles para adaptar a docencia ás diferentes necesidades e estilos de aprendizaxe.
Sen dúbida, foi unha sesión moi enriquecedora que nos invita a seguir reflexionando e avanzando cara a unha educación máis xusta, inclusiva e comprometida coa diversidade.









Comentarios
Publicar un comentario