Sesión de posta en común de 3 mobilidades
Está tarde tivo lugar unha sesión de posta en común dirixida ao profesorado, na que tres docentes compartiron as súas experiencias recentes en mobilidades Erasmus+.
A primeira intervención correu a cargo de Teresa Morelejo, xefa de estudos do centro, quen participou nun curso en Praga sobre o ensino na era da intelixencia artificial. Durante a súa exposición, Teresa abordou tanto as vantaxes como as limitacións da IA, facendo especial fincapé nos sesgos, na falta de criterio á hora de avaliar a calidade ou a controversia das fontes, e nos retos éticos que presenta o seu uso.
Así mesmo, ofreceu pautas prácticas para superar estas limitacións, como a importancia de configurar axeitadamente os datos, coñecer a data de corte da información ou aprender a redactar instrucións (prompts) de maneira eficaz. Tamén reflexionou sobre o papel do profesorado neste novo contexto, destacando a súa función como guía e facilitador da aprendizaxe, fomentando competencias clave como as catro “C” (creatividade, pensamento crítico, comunicación e colaboración). Ademais, puxo en valor o potencial da IA para aplicar o enfoque do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), permitindo eliminar barreiras desde o deseño e favorecendo a flexibilidade, a accesibilidade e a personalización, sen substituír en ningún caso as decisións pedagóxicas.
A continuación, Laura Rodríguez presentou o aprendido nun curso realizado en Viena centrado na diversidade na aula. A súa intervención destacou polo carácter práctico, ofrecendo exemplos concretos de como adaptar o deseño didáctico ás necesidades do alumnado de nivel A1.
Laura incidiu na importancia do andamiaxe, isto é, na provisión de apoios graduados que acompañen o proceso de aprendizaxe. Subliñou tamén a necesidade de anticipar e planificar posibles dificultades desde o inicio do curso, así como de deseñar actividades e recursos que faciliten unha progresión efectiva e inclusiva.
Por último, Malú Rodríguez compartiu a súa experiencia nun curso sobre diversidade e educación intercultural. Na súa presentación, destacou a relevancia de marcos europeos relacionados coa educación para a cidadanía democrática e a convivencia. Fixo fincapé na importancia de aproveitar a diversidade cultural, social e étnica presente nas aulas como unha oportunidade para enriquecer a aprendizaxe e promover unha convivencia non só multicultural, senón verdadeiramente intercultural. Así mesmo, subliñou a necesidade de garantir a equidade e o respecto polos dereitos de todo o alumnado.
A sesión resultou moi enriquecedora e permitiu ao profesorado coñecer novas ferramentas, enfoques e boas prácticas para seguir avanzando cara a unha educación máis inclusiva, crítica e adaptada aos retos actuais.












Comentarios
Publicar un comentario