Sesión de posta en común de 3 mobilidades

 Esta tarde celebramos unha enriquecedora posta en común das tres últimas mobilidades Erasmus do profesorado do centro. Un encontro breve pero moi produtivo, no que se compartiron ideas, ferramentas e reflexións con aplicación directa na aula.


A primeira intervención correu a cargo de Aida Prado, profesora de inglés, quen participou en Roma no curso “Ferramentas TIC para unha aula creativa e colaborativa”. A súa exposición centrouse no uso de ferramentas dixitais para potenciar as coñecidas “6C” da educación do século XXI: creatividade, colaboración, comunicación, pensamento crítico, cidadanía e carácter. 

Aida mostrou exemplos prácticos de aplicación na aula e presentou asistentes virtuais como ChatGPT, Gemini, Claude ou DeepSeek, destacando os puntos fortes de cada un. Tamén explorou ferramentas de IA para crear contidos máis dinámicos e lúdicos, así como recursos para xerar imaxes, vídeos e actividades innovadoras. Foi, sen dúbida, unha charla moi práctica e inspiradora.



A continuación, Alba Prieto, tamén profesora de inglés, compartiu a súa experiencia en Helsinki nun curso centrado na intelixencia artificial para unha educación máis inclusiva. Subliñou a importancia de deseñar prompts eficaces, da personalización da aprendizaxe e do uso crítico da IA. Presentou exemplos de creación de materiais adaptados ao alumnado e explicou como ela mesma elaborou unha guía visual moi clara e concisa para axudar ao alumnado a aproveitar mellor a intelixencia artificial no seu proceso de aprendizaxe. Ademais, mostrou unha ferramenta propia para avaliar producións orais, xerando un feedback formativo que facilita o seguimento do progreso.




Finalmente, David Álvarez, profesor de alemán, relatou a súa participación nun congreso do Leibniz-Institut für Deutsche Sprache (IDS). A súa intervención abordou a situación do alemán en Europa, como lingua pluricéntrica e multiestándar, así como o seu papel como lingua minoritaria en determinados contextos. Tamén destacou o valor do uso de corpus lingüísticos na ensinanza do alemán como lingua estranxeira, permitindo traballar coa lingua real, con expresións auténticas que non sempre aparecen nos libros de texto.


En conxunto, unha tarde de aprendizaxe compartida que reafirma o compromiso do noso centro cun ensino innovador, inclusivo e conectado coa realidade europea

Comentarios

Publicacións populares