CONGRESO EALTA EN SIENA
Cristina Rodríguez, profesora do departamento de inglés, ven de participar no congreso da European Association for Language Testing and Assessment (EALTA) sobre avaliación de linguas celebrado en Siena (Italia), do 9 ao 14 de xuño.
Velaquí un resumo da súa experiencia a través de varias preguntas:
En que consistíu a túa mobilidade?
Asístin ao congreso de EALTA. Puiden participar no obradoiro previo ao congreso sobre o tema da avaliación baseada en escenarios. Ademais, asistín a un seminario sobre o Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MECR) e ao resto do congreso, que incluía moitas presentacións sobre a avaliación de linguas.
Cales foron os contidos máis relevantes e que che resultaron máis útiles?
A temática da avaliación baseada en escenarios foi relativamente nova para min e moi interesante. Ademais, tanto o seminario como as presentacións dedicadas ao MECR foron de moita relevancia para o meu traballo. Puiden comprobar tamén os avances e problemáticas que están tendo lugar respecto ao uso da IA na avaliación. Houbo moitos aspectos da formación que resultaron relevantes e útiles, diría que case todo.
Que podes dicir do centro que visitaches?
A Universitá per Stranieri di Siena é un centro especializado en idiomas, cun departamento moi potente en didáctica e avaliación de linguas estranxeiras. Ofrece formación e certificacións tanto en italiano como noutras linguas estranxeiras, e é un dos centros oficiais de certificación de competencia en lingua italiana. Ademais, participa en proxectos internacionais de avaliación de linguas, e recentemente desenvolveu un novo exame de italiano baseado na avaliación por escenarios.
Cales son os aspectos máis positivos da experiencia?
Aprendín moito, coñecín as últimas novidades que se están desenvolvendo no eido da avaliación de linguas, e puiden interactuar con grandes expertos neste campo. Considérome afortunada de poder ter asistido, xa que foi un estímulo para seguir aprendendo máis e tamén para aplicar o aprendido ao contexto de avaliación das EOI en Galicia.
Que cres que podería mellorar?
Realmente, nada. A experiencia foi estupenda e moi enriquecedora.
En xeral, que balance fas desta mobilidade?
Moi satisfactorio
Recomendarías esta experiencia a outros profesores?
Por suposto. É moi importante e enriquecedor poder seguir aprendendo en formándonos. Creo que o impacto no noso traballo e no alumnado da EOI é moi positivo.


.jpeg)
Comentarios
Publicar un comentario